Colexio Internacional Montessori Compostela

A nosa misión é ser un proxecto transformador, un proxecto educativo que realmente mellore a humanidade

Na Colexiata de Sar, no corazón de Santiago, un entorno de historia, cultura e tradición compostelá

O curso 202/2024 ofrece Infantil para 3-6 anos, Primaria para 6-12 e Secundaria (Programa de Adolescentes para 12-16).

Montessori Compostela é un colexio internacional trilingüe de segundo ciclo de Educación Infantil (3 a 6 anos), Educación Primaria (6 a 12 anos) e Educación Secundaria -ESO (Programa de Adolescentes Montessori de 12 a 16 anos). Está situado no barrio de Sar, na Colexiata de Sar.

Montessori Compostela é un colexio laico e independente, no que a seguridade emocional e o máximo desenvolvemento das potencialidades de cada estudante son os piares que soportan todas as actividades docentes.

A dirección do centro está a cargo de profesionais acreditadas pola Asociación Montessori Internacional –AMI, e o equipo docente responde a un perfil que ten en común a formación universitaria, experiencia profesional, certificación Montessori recoñecida e calidade humana.

identidade

Activa

Un colexio baseado nunha metodoloxía que promove a auto-aprendizaxe nun ambiente preparado e dinámico, que proporciona seguridade emocional e que é rico en recursos que abranguen todas as áreas do currículo (e máis) de xeito integrado, e que permite o desenvolvemento do máximo potencial de cada neno e cada nena.

Todo iso gozando, cooperando, respectando os intereses, ritmos e as necesidades de desenvolvemento e sociais do alumnado, nun ambiente que favorece a actuación independente, a expresión, a interacción, a autoestima, a experimentación, a investigación e a autonomía.

Internacional

Un colexio que entende Compostela coma unha cidade transcendental no mundo; confluente histórico e permanente de diversas culturas, linguas e tradicións, e, á súa vez, orixe dun fluxo enriquecedor nos mesmos termos culturais, lingüísticos e tradicionais que nutre a tódalas civilizacións.

Entender e sentir Compostela en toda a súa natureza internacional de paso do multicultural ao intercultural tradúcese nas nosas aulas en falar, entender e sentir partindo da nosa casa, e dende alí integrar o coñecemento e entendemento dos outros sentires, culturas, linguas e tradicións que nos rodean, que nos inflúen e nas que tamén influímos nós.

Coeducativa

Un colexio no que se recoñece a diversidade como riqueza, onde se educa para a vida, se atende ás diferenzas de xeito equitativo, se traballa polo empoderamento de tódalas persoas e pola sustentabilidade, recoñecendo os saberes e destrezas propias das mulleres e dos homes ao longo da historia e valorando todas as ocupacións e actividades cotiás.

Un colexio que promove o traballo con un continuo re – plantexamento das nosas perspectivas e relacións, como persoas individuais e como membros dunha comunidade, facéndonos todas co –  responsables do pleno e efectivo desfrute dos dereitos humanos.

Unha identidade coeducativa é premisa para unha real e efectiva educación para a paz e para que o colexio sexa un espazo de transformación social.

Montessori

Un colexio cunha filosofía que, aliñada coa pedagoxía científica Montessori (avalada pola neurociencia), considera a educación como o camiño para acadar a liberdade, a autonomía, a independencia, a solidariedade humana. A educación como a axuda á vida do ser humano e a este en relación co mundo.

Os aspectos clave da pedagoxía son: enfoque centrado no estudante, ambiente preparado, formación de calidade (pedagóxica e humana) da mestra ou mestre.

Principios pedagóxicos: cada individuo é o creador das súas propias capacidades; a educación debe satisfacer as necesidades de desenvolvemento de cada individuo respectando o seu camiño natural e particular; a prioridade da educación debe ser o estudo e a resposta axeitada ás necesidades de desenvolvemento segundo as diferentes etapas, nun ambiente de liberdade.

Adriana Modia

Casa – Infantil 3-6

Ángel Hurtado

Taller – Primaria 6-12

Ana Barreiro

 Secundaria 12-16

o colexio

Montessori Compostela é un colexio internacional trilingüe autorizado pola Xunta de Galicia como centro docente estranxeiro. Está situado no barrio de Sar, nas instalacións contiguas á igrexa Santa María de Sar, coñecidas como a Colexiata de Sar.

A actividade docente iniciou en Setembro de 2016, cos ambientes de Casa (Children´s House), equivalente ao segundo ciclo de Educación Infantil (3 a 6 anos) e Taller 1 (Lower Elementary), equivalente aos primeiros anos de Educación Primaria (6 a 9 anos).

Os seguintes cursos académicos amplía as prazas e idades para dar continuidade aos nenos e nenas que comezaron no 2016, ata chegar agora ao último curso de educación secundaria (12-16 anos).

O colexio dispón de máis de 4.000 m2 de zona exterior e 900 m2 de superficie útil para as aulas en planta baixa e planta primeira, con xanelas cara o claustro da Colexiata, un entorno de aprendizaxe único.

Sendo certificado por unha axencia estadounidense con recoñecemento internacional, proporcionamos un sistema de acompañamento e avaliación que reflicte as mellores e mais esixentes prácticas de calidade educativa.

Montessori Compostela é un colexio internacional coa visión da creación dunha cidadanía intercultural.

Un colexio no que as nenas e nenos realmente poden desenvolverse seguindo as súas guías internas, e tamén o lugar onde a educación (e a seguridade) emocional é tan importante como os obxectivos académicos (a primeira é pre – condición para satisfacer os segundos axeitadamente).

O colexio ten polo tanto como principios básicos :

  • Educación emocional e seguridade emocional
  • Excelencia académica
  • Interculturalidade
cadenas

etapas

Infantil

3-6 anos

EXPLORO, OBSERVO, ABSORBO, PRACTICO E POR FIN ENTENDO A PREGUNTA… DE QUE VAI ESTE MUNDO AO QUE CHEGUEI?

Durante os seis primeiros anos de vida as nenas e nenos teñen oportunidades de percorrer camiños intelectuais e emocionais cunha habilidade única e poderes extraordinarios da mente, baseados na capacidade de absorber coñecemento de xeito indiscriminado, sen esforzo e inconscientemente, mentres están gozando das oportunidades que o ambiente ofrece, xogando movéndose e explorando.

Os nenos e nenas desta etapa de 3 a 6 anos están creándose e perfeccionando as súas adquisicións. Nesta auto construción da súa persoa é fundamental o ambiente no que viven. Nunha aula (ambiente) de infantil, apoiamos o seu impulso natural cara a independencia, incentivando a posibilidade de escoller actividades significativas baseadas nos seus intereses.

Nesta etapa o ambiente está dividido en catro áreas principais: Vida Práctica, Sensorial, Linguaxe e Matemáticas, que se enriquecen de xeito dinámico con actividades culturais que podemos relacionar con materias como xeografía, historia, ciencias, música, etc. e cun espazo rico en posibilidades para desenvolver actividades artísticas e no exterior.

Na aula conviven nenas e nenos das tres diferentes idades, o cal supón unha oportunidade única para os máis novos de aprender dos compañeiros maiores, ao tempo que estes desenvolven a auto confianza e a auto estima ao axudar aos seus compañeiros menores e consolidan as súas aprendizaxes. Créase un forte sentido de comunidade e respecto polos demais e polo entorno.

Primaria

6-12 anos

PREGUNTO, RAZOO, EXPERIMENTO, INVESTIGO E ENTENDO COMO FUNCIONA O MUNDO E COMO EU FORMO PARTE DEL.

Na etapa de primaria as nenas e nenos son investigadores, teñen unha curiosidade insaciable e emoción pola aprendizaxe. Desenvolven novas habilidades de análise, imaxinación, socialización e creatividade. Queren saber os “por que” e os “como” dos fenómenos físicos, químicos, biolóxicos, sociais, culturais, etc. e o ambiente escolar debe ser tal que llo permita.

O punto de partida para a aprendizaxe das diferentes áreas de coñecemento e as súas relacións son as historias que as mestras e mestres lles contan, as chamadas “Grandes Leccións”. A partir delas van avanzando no currículo de xeito integrado. Os límites estarán na imaxinación de cada estudante.

A aula Montessori de Primaria é unha comunidade de aprendizaxe rica en oportunidades para que cada nena e cada neno poida descubrir as súas potencialidades, mentres recebe apoio individualizado para cada unhas das súas necesidades académicas, emocionais e sociais. Os materiais e a bibliografía permiten unha experimentación e investigación abertas, de xeito que cada un se desenvolve de acordo coas súas habilidades e inquedanzas.

Nesta etapa gústalles traballar en grupos e o ambiente permite a socialización, a responsabilidade e o sentimento de contribuír á comunidade. A aula con mestura de idades prové oportunidades para o desenvolvemento social e para enriquecer e afianzar as aprendizaxes. As experiencias de aprendizaxe cooperativa fomentan a práctica das habilidades sociais necesarias para planificar e levar a cabo os seus proxectos en grupo. Agora xa non é suficiente co ambiente escolar, polo que se fan saídas fora do colexio, organizadas polo alumnado.

preguntas frecuentes

pedagoxía

As nenas e nenos aprenden o mesmo que nos outros colexios?

O tipo de coñecementos e a cantidade non varían. Os contidos non se limitan ás competencias básicas do currículo oficial, senón que están abertos de acordo coas inquedanzas de cada persoa. O traballo das mestras e mestres consiste en fomentar de forma creativa e non directiva o interese por abarcar en cantidade e calidade como mínimo a integridade do currículo oficial.

A diferenza non é o que aprenden, senón como o aprenden; e ese como, ao ser un proceso dirixido polo mesmo alumno xera necesariamente máis responsabilidade, comprensión e autonomía.

Cales son as características xerais do colexio e a súa dinámica?

Modelo de escolarización centrado nos ritmos, capacidades e intereses de cada alumna ou alumno de maneira personalizada; movemento libre durante as horas lectivas,  procurando silencio e respecto ao traballo das compañeiras e compañeiros de aula; os temas necesarios para cumprir o currículo están claramente identificados, e é a mestra/e quen, en función dos procesos de auto aprendizaxe de cada alumna/o, guía individualmente (ou en grupo) a cada un para avanzar neles; non se emprega un horario preestablecido fixo e igual para todo o alumnado; avaliación continua do rendemento de cada alumna/alumno, sen probas escritas (pero si con rexistros escritos). A avaliación terá en conta todo o proceso máis ca o resultado final (farase xunto co alumno ou alumna no caso de educación primaria); todo o traballo do alumnado realízase dentro do horario lectivo, sen deberes para a casa (os nenos e nenas con poden querer seguir traballando na casa, mais será por unha motivación intrínseca); traballo cooperativo en primaria acorde co desenvolvemento social da etapa.

Que é un ambiente preparado?. Por que ambientes Montessori completos e profesorado con formación Montessori acreditada?

Un ambiente preparado é unha aula con espazos amplos, luminosos, que invitan ao libre movemento. É un contorno que reforza e promove a independencia e propicia o desexo de coñecer, de investigar, de descubrir, estimulando a aprendizaxe. No caso da educación infantil é como un fogar acolledor no que as nenas e nenos poden observar e absorber coñecemento e aprender como é o mundo no que viven. No caso da educación primaria séntese como un espazo de comunidade de aprendizaxe cooperativa no que a mente razoadora ten posibilidade de expandirse e buscar respostas aos “por que” e os “como”.

As denominadas “escolas activas” adoitan ter aulas con materiais Montessori, xeralmente algo da área de Sensorial, algo de Linguaxe e algo de Matemáticas. Isto sen dúbida é bo para o alumnado. Porén, a conexión e a forza que ten todo o material que creou María Montessori ás veces  pérdese cando non dispoñemos de todos os elementos, pasando de ser unha peza dentro dun gran reloxo a un material didáctico, útil e bonito, pero que non permite explotar todo o seu potencial. A Dra. María Montessori pensou e repensou cada mínimo detalle. Experimentou, observou, puliu, dando un sentido e un porque a cada cousa. Por exemplo, a famosa torre rosa non sempre foi rosa. Que teña 10 cubos e non 5 ou 8  ten o seu sentido para outros materiais posteriores cos que se aprende o sistema decimal, e tamén teñen un sentido as súas formas e dimensións. A torre rosa está relacionada con varios materiais de matemáticas, tanto en infantil como en primaria, cos que o neno traballará conteo, sistema decimal, progresión xeométrica, volume e raíz cúbica. E asemade, aprovéitase a experiencia sensorial vivida coa torre rosa para traballar a linguaxe de forma contextualizada e amena. Mentres goza xogando cos cubos da torre rosa, estase preparando para ter unha comprensión clara de conceptos abstractos que, doutro xeito, adoitan resultarlles tediosos aos estudantes. Ademais, así pode comprendelos nos momentos nos que a súa mente está realmente preparada para iso, feito que, en ocasións, é antes do que o currículo oficial dita.

En definitiva, ao igual que a nota “Re” non é o mesmo se está soa que acompañada, os materiais poden dar un sentido completo en caso de traballarse no seu conxunto e coas súas interrelacións, e non de maneira independente.

Por todo isto, en Montessori Compostela provemos o ambiente no que se atopan todos os materiais, xunto con educadoras e educadores formados que saben organizar, manter, custodiar o ambiente e acompañar aos nenos e nenas nel. Co ambiente preparado completo e o adulto formado e sensible se dispón do que o alumnado pode demandar, todas as posibilidades de intereses segundo as etapas de desenvolvemento e, algo fundamental, as relacións que se poden facer entre unhas actividades e outras. As posibilidades dunha aprendizaxe expansiva e un pensamento diverxente danse cando se dispón de toda unha serie de elementos estruturados e semi-estruturados que o permiten, e isto é o que propoñemos en Montessori Compostela, un colexio con toda a base científica que permite que cada neno e cada nena desenvolva ao máximo o seu potencial.

Hai disciplina?. Como pode existir disciplina nun ambiente de liberdade?. Como van estar en orde 30 nenos e nenas nunha soa aula facendo cada cal cousas distintas?

A disciplina á que nos referimos, a que conduce a un desenvolvemento óptimo como persoas responsables, a unha educación de calidade, é a “auto-disciplina” ou disciplina interna: a nena ou neno aprende a escoitar o seu interior, a desenvolver a súa vontade e a actuar segundo o que considera correcto. Entón, a disciplina non depende do adulto, que pode estar ou non presente na aula, sen que isto signifique que as nenas e nenos muden a súa actitude significativamente. Unha nena ou neno ocupado en descubrir o mundo e ampliar os seus coñecementos non ten tempo para xerar indisciplina na aula, aínda que obviamente sempre xorden conflitos (naturais na convivencia), que se manexan dende unha óptica de respecto, comprensión e aceptación de todas as emocións.

Cando as nenas e nenos están seguindo os seus intereses, traballando nun ambiente adecuado ás súas necesidades e intereses, a orde, o silencio e a concentración danse con frecuencia. Para que unha nena ou neno poida traballar e utilizar os recursos da aula debe de seguir regras que establezan límites para a convivencia, comprendidas e aceptadas por seren boas para todos, como poden ser: non empregar un material que non me foi presentado, traballalo con coidado, regresalo ao seu lugar unha vez que ten sido traballado para que poida ser empregado polos demais, respectar o traballo dos compañeiros e compañeiras, etc.

A liberdade non implica que cada persoa “faga o que queira”, senón máis ben  que “queira o que fai”, impulsa a iniciativa, a participación activa, a auto educación, o desenvolvemento da súa intelixencia.

cuestións operativas

Matrícula individual anual curso 2023/2024: 750 euros.

Mensualidade Infantil e Primaria: 450 euros.

Mensualidade Secundaria: consultar

Aplícanse descontos nas mensualidades:

  • 10% para segunda filla/o matriculado simultaneamente.
  • 20% para terceira filla/o matriculado simultaneamente.
  • beca completa para cuarta filla/o matriculado simultaneamente.

O colexio non da comidas.

A xestión das mesmas é responsabilidade de cada familia, mais si favorecemos a libre organización das familias para definir solucións colectivas (catering, autoservicio cooperativo, etc.).

Infantil e Primaria. De luns a venres de 8.40 a 13.50 hrs.

Secundaria: De luns a xoves de 9.10 a 16 hrs. Venres variable.

O colexio prové todos os libros e materiais educativos necesarios para a aprendizaxe e o cumprimento curricular.

É probable que as expectativas persoais ou colectivas do alumnado sexan maiores que as que indica o currículo. Iso tamén está previsto, dentro dunha marxe.

Os materiais Montessori e de soporte, xunto coas dinámicas xeradas nun ambiente preparado, soen ser suficientes para cubrir as necesidades previstas, pero nalgúns casos o desenvolvemento da curiosidade e o interese do alumnado pode chegar a precisar de recursos extraordinarios. Estas situacións son alentadoras, a súa magnitude pode precisar que sexan valoradas xunto coas familias.

Non se require uniforme.

Montessori Compostela ten establecido uns requisitos mínimos sobre roupa, calzado e/ou equipamento apropiado para garantir o acceso aos fins educativos do colexio.

contacto

Email: info@montessoricompostela.org

Móvil: 669.648701

Rúa de Sar s/n. Colexiata de Sar. CP 15702

Santiago de Compostela.

Síguenos en

Facebook e Instagram (montessoricompostela)